domingo, 20 de noviembre de 2011

Onte fun ver Tintín.

Despois de saber que os Sábados de reflexión o mellor é non beber a decisión que tomei foi a de acudir ó cine. Fíxeno sabendo que só iría ó que me quedase máis preto de casa e iso en realidade é un dicir, xa que ambos se atopan totalmente deslocalizados o que ven pode vir a dicir que esta cidade ten os servizos como lle cadra.

Como non podía ser doutro xeito, ir ó cine, emprázanos a todos a unha decisión básica como é saber que película imos ir ver. O problema de agora é que cos carteis efectistas e Filmaffinity un xa vai advertido e considerado sobre o que se vai atopar. Tintín foi a resposta. 

As precaucións que un toma diante dunha cinta coma están relacionadas co dano que lle poidan facer a unha das figuras máis representativas da banda deseñada europea. Así un figúrase a Tintín convertido nun neno caprichoso que busca arranxar o mundo. Pero o equipo de nomes que mobiliza a película conseguiu facelo imposible: Trasladar enteiramente o reparto das historietas á pantalla e conservando a maxia de cada un deles.

Así damos cunha película que non para de principio a fin, iso mantente sentado na butaca sen darlle máis voltas ás túas costas, e ademáis conségueo cun argumento que encaixa as pistas tal que se dunha novela gráfica se tratase, de xeito clásico e co misterio substituído polo trepidante dos feitos. Isto dicímolo porque a máis de algún lle parecerán demasiado forzados os enlaces entre as situacións que viven Milou, Tintín e o resto de compinches. 

Outro dos feitos a favor cos que conta esta película é a aplicación racional do 3D, nunha gloriosa posta en escena cunhas paisaxes, ambientacións cuasi realistas, é máis, poderíamos dicir que hiperrealistas, conseguindo así que funcione de marco ideal para a aventura e non soe tampouco a fantasía distractora. Iso sí, o trazo simple de Hergé á hora de construír a personaxe do xornalista Tintín vese traducido nun semiadolescente tridimiensional que ó comezo custa entender, pero xa se nos deixa claro cunha acertada planificación que este Tintín é o Tintín que sempre se quixo ver. 

En definitiva un clásico de acción e aventuras, apto para todos, os máis noviños pasaráno de medo cos trompazos, chimpos e demais movementos e os máis maiores descubrindo a fortaleza das personaxes como o Capitán Haddock, que evidencia que o Whisky pode ser unha arma de lembranza e poder impresionante, curioso, curioso... Tanto que ó final a un lle queda ganas de tomarse un trago aínda que só sexa por homenaxe e para esquecer a incopetencia de Hernandez y Fernandez que logran sacar un sorriso dende o inicio.

Xa sabedes, considerade o sinxelo efectivo, e cando invertades a cantidade de 6 euros no cine facédeo con sentidiño.

PD: Fixádevos nos títulos do comezo, e vede como se pode invertir o 3D en calidade e estética e non en efectismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario